Preguntas e respostas sobre a vacinación fronte á COVID-19 para a poboación xeral

XENERALIDADES

Como funcionan as vacinas de Comirnaty (Pfizer) e Spikevax (Moderna)?
Son vacinas de ARN mensaxeiro que inclúen instrucións para que nosas propias células fabriquen proteínas S. Estas proteínas S son iguais á do SARS- CoV-2, polo que o noso sistema inmune recoñéceas e produce anticorpos e linfocitos T.

Como funcionan as vacinas de Vaxzevria (AstraZeneca) e Janssen?
Son vacinas de vector vírico non replicativo, ambas de adenovirus, aínda que de diferente tipo, que conteñen o material xenético (ADN) que codifica para a produción da proteína S do SARS-CoV-2, co fin de producir anticorpos/resposta inmune fronte á mesma

• Canto tardan en facer efecto as vacinas dispoñibles?
A protección máis elevada obtense:
- Pfizer: aos 7 días despois da segunda dose.
- Moderna: aos 14 días despois da segunda dose.
- Vaxzevria (AstraZeneca): aos 14 días despois da segunda dose.
- Janssen: aos 14 días tras a súa administración.

• Canto dura a protección das vacinas?
Polo momento descoñécese a duración da protección que ofrecen as vacinas fronte á enfermidade. 

• As vacinas pódenme producir a enfermidade?
Non, ningunha das vacinas autorizadas contén virus vivos polo que non poden provocar a COVID-19. 

Podo obter un resultado positivo nunha RT- PCR ou nunha proba de antíxenos trala vacinación?
Non, as vacinas autorizadas non poden causar un resultado positivo nunha RT- PCR ou nunha proba de antíxenos porque estas probas detectan a presenza dunha infección activa e non se un individuo é inmune ou non.

As vacinas poden modificar os nosos xenes ou incorporarse ao noso ADN?
Non, no caso das vacinas de Pfizer e Moderna, o ARNm das vacinas non permanece no corpo, xa que é destruído pouco tempo despois da vacinación. Este ARNm non posúe a capacidade de incorporarse ao ácido desoxirribonucleico (ADN), entre outros motivos porque non entra en contacto co núcleo celular e por tanto non é capaz de modificar os nosos xenes.

Son eficaces as vacinas dispoñibles para reducir a transmisión do virus entre as persoas?
Os datos dispoñibles permiten saber que as vacinas reducen as probabilidades de padecer a enfermidade da COVID-19 e de desenvolver formas moderadas ou graves. 
Existe a posibilidade de fallos vacinais e de que persoas, especialmente aquelas con algún grado de inmunodepresión, non queden con protección suficiente trala vacinación. 

Podo deixar de usar máscara ou de manter a distancia necesaria con outras persoas despois de vacinarme?
Tras a administración da vacina, débense manter as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias para evitar propagar a transmisión do virus. Débese manter especial precaución coas persoas non vacinadas e aquelas que, aínda estando vacinadas, pertenza a algún grupo da poboación de especial risco.

A que idade se poden administrar as vacinas?
- Pfizer (Comirnaty) e Moderna (Spikevax): persoas de 12 ou máis anos de idade.
- Pfizer ( Comirnaty) formulación pediátrica: persoas de 5 a 11 anos. 

Algunha vacina é mellor que outra?
Todas as vacinas aprobadas ata a data demostraron seguridade e eficacia.

Podo elixir que vacina poñerme?
Non, a vacina non pode ser unha elección individual senón que debe basearse na eficacia, na indicación das vacinas para os diferentes grupos de poboación e na dispoñibilidade de doses.

Cales son os criterios para decidir a vacina que debe poñerse unha persoa?
Fundamentalmente e eficacia e seguridade, tendo en conta a idade da persoa e a dispoñibilidade de doses.

As vacinas protexen contra as novas cepas e variantes?
Ata a data, os datos apuntan a que as actuais vacinas inducen respostas de anticorpos que manteñen a súa capacidade neutralizante. Fronte á Delta, que nestes momentos é a máis prevalente no noso entorno, as vacinas autorizadas manteñen altos niveis de protección.

Pódense vacinar as persoas que xa tiveron a enfermidade?
Pasar a enfermidade confire protección fronte a unha nova infección, polo menos, durante 6 meses; por este motivo:
- En persoas de 65 ou menos anos (nadas en 1956 ou despois) administrarase unha única dose tras a alta epidemiolóxica.
- En persoas maiores de 65 anos (nadas en 1955 ou antes) recoméndase administrar as dúas doses en canto finalice o período de illamento pola enfermidade.

• Por que se recomenda só unha dose nas persoas de 65 ou menos anos que xa pasaron a enfermidade?
A evidencia científica mostra que as persoas de 65 ou menos anos que teñan antecedente de infección asintomática ou sintomática, e independentemente da gravidade, obteñen unha resposta inmune moi satisfactoria cunha soa dose, que non mellora coa administración dunha 2ª dose.

• Pódense vacinar as persoas que tiveron COVID-19 despois da 1ª dose?
- En todas as persoas con diagnóstico da infección tras recibir a primeira dose, recoméndase administrar a segunda dose cando finalice o período de illamento pola enfermidade e cumpran co intervalo mínimo entre doses.

• Pódese vacinar unha persoa que está en corentena ou en illamento?
As persoas en corentena ou en illamento non deben vacinarse ata finalizar o devandito período.

• Pódense vacinar os nenos?
Aprobouse o uso de Pfizer e Moderna para os nenos de 12 ou máis anos de idade Actualmente acabase de autorizar a vacina de Pfizer, cunha formulación pediátrica para os nenos entre os 5 e os 11 anos. 

• Pódense vacinar as persoas inmunodeprimidas?
Si, as  vacinas dispoñibles actualmente son seguras e están recomendadas nas persoas inmunodeprimidas aínda que a súa resposta pode ser inferior que no caso das persoas non inmunodeprimidas.
 
• Pódense vacinar as mulleres embarazadas?
Sí, pódense vacinar con vacinas de ARNm (Pfizer ou Moderna) en calquera momento da xestación. 

• Que vacina debe administrarse a unha embarazada que xa recibiu a primeira dose de Vaxzevria?
Recoméndase utilizar como segunda dose unha vacina de ARNm (Pfizer ou Moderna) dado que existen máis estudos sobre a súa seguridade. 

• Podo vacinarme se me quero quedar embarazada?
Sí, unha vez vacinada unha muller en idade fértil, non é preciso esperar un tempo para quedar embarazada

• Poden vacinarse as mulleres durante a lactación?
Si, a vacinación non constitúe ningún risco para o lactante. Actualmente recoméndase a administración de vacinas ARNm (Pfizer ou Moderna).

• Poden vacinarse as persoas con COVID persistente?
Sí, recoméndase a vacinación cando lle corresponda por grupo, independentemente do tempo transcorrido dende o diagnóstico.

• Podo vacinarme se teño algunha alerxia?
A vacina está contraindicada en persoas cunha reacción alérxica grave (reacción anafiláctica) ou inmediata a unha dose previa da vacina que se lle vai administrar ou a calquera dos seus compoñentes.
Poderán vacinarse aquelas persoas con:
- Alerxia a medicamentos orais.
- Alerxia a alimentos, a animais, a insectos, a velenos, ao látex, alérxenos ambientais, etc.
- Historia familiar de alerxia.
As persoas con antecedente de reacción alérxica a outras vacinas ou tratamentos inxectables, poderán vacinarse realizando unha valoración do risco e mantendo un tempo de observación de 30 minutos trala administración da vacina.

• Teñen algunha contraindicación as vacinas autorizadas?
A vacinación está contraindicada se a persoa presentou unha reacción alérxica grave (reacción anafiláctica) a unha dose previa da vacina que se lle vai a administrar ou a calquera dos seus compoñentes. 
Ademais, as vacinas de Vaxzevria e Janssen están contraindicadas nos seguintes casos:
- Antecedente de trombose inducida por heparina.
- Persoas que presentaran o síndrome de trombose con trombocitopenia trala primeira dose, ou un cadro altamente sospeitoso, aínda que non confirmado.
- Antecedente de síndrome de fuga capilar sistémica.

• Cando debe pospoñerse a vacinación?
- Persoas en corentena.
- Persoas en illamento con COVID-19.
- Unha enfermidade febril aguda grave.
- Recoméndase pospoñer 90 días a vacinación en receptores de plasma de doante convalecente ou anticorpos monoclonais utilizados no tratamento de COVID-19.
Unha enfermidade leve, sen sospeita de COVID-19, febre ou afectación xeral non constitúe un motivo para pospoñer a vacinación.

• Pódense vacinar pacientes que reciben terapia anticoagulante ou con trastorno hemorráxico?
Sí, as persoas con alteracións da coagulación ou en tratamento crónico con anticoagulantes, do mesmo xeito que para o resto de inxeccións intramusculares, pode aplicarse con seguridade.. 
Existe a posibilidade de aparición dun hematoma no lugar de inxección. 

• Pódense administrar as vacinas fronte ao COVID-19 con outras vacinas?
As vacinas da COVID-19 pódense administrar sen ter en conta o intervalo con outras vacinas. Isto inclúe a administración simultánea da vacina COVID-19 con outras vacinas o mesmo día (incluíndo a gripe e o pneumococo), sendo esa administración en lugares anatómicos diferentes, sempre que sexa posible.

• Pódense intercambiar as vacinas fronte ao COVID-19 para completar a pauta?
En xeral, recoméndase completar a pauta coa vacina que recibiu a persoa na 1ª dose. 
Sen embargo o prioritario para calquera persoa con pauta incompleta de vacinación é completala canto antes coa administración dunha vacina de ARNm, independentemente da vacina administrada previamente. Poderase utilizar calquera vacina de ARNm para a administración da dose de recordo, independentemente da vacina utilizada na primovacinación. 
As persoas vacinadas no estranxeiro con vacinas autorizadas pola OMS, pero non dispoñibles, vacinaranse coa vacina dispoñible seguindo as indicacións do Plan Galego de Vacinación COVID-19.

Pode consultar máis información no seguinte enlace: https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Consentimento-Informado-segunda-dose

PAUTAS DE VACINACIÓN

• Cantas doses son necesarias?
Necesítanse 2 doses para completar a pauta de Comirnaty (Pfizer) e de Moderna

• Estou protexido cunha soa dose?
Aínda que unha soa dose pode conferir certa protección, a eficacia descrita polos fabricantes solo se acada tras a finalización da pauta completa e unha vez que pasara o tempo que tarda a vacina en facer o seu efecto (sete ou catorce días segundo a vacina). No caso da vacina de Janssen soamente se require unha dose.

• Que significa a porcentaxe de eficacia descrita nas diferentes vacinas?
A eficacia das vacinas indican a redución porcentual dos casos de enfermidade nas persoas vacinadas, fronte as non vacinadas, medidas en condicións ideais nos ensaios clínicos Non indican unha porcentaxe de protección individual fronte o virus.

• Canto tempo ten que pasar entre a 1ª e a 2ª dose de Pfizer e Moderna?
- Comirnaty (Pfizer): o intervalo mínimo para que a 2ª dose sexa válida é de 19 días tras a 1ª dose. 
- Spikevax (Moderna): o intervalo mínimo para que a 2ª dose sexa válida é de 25 días tras a 1ª dose.

• Que pasa se me vacinan coa 2ª dose ANTES do intervalo mínimo?
Non será válida e terá que administrarse unha terceira dose, que se administrará seguindo o intervalo recomendado para cada vacina contando dende o día que se administrou a dose non válida.

• Podo vacinarme coa 2ª dose DESPOIS dese prazo?
Si, e non faría falta repetir a 1ª dose xa que sería válida.

EFECTOS ADVERSOS

• As vacinas pódenme provocar efectos adversos?
Do mesmo xeito que todos os medicamentos, as vacinas poden provocar algún efecto non desexado nalgunhas persoas. A maioría deles son leves e de curta duración.

• Cales son as reaccións adversas máis frecuentes?
Dor e/ou sensibilidade no brazo, que adoita ser máis intensa durante as primeiras 24-48 horas, cansazo, dor muscular e de cabeza, malestar xeral, náuseas e febre.
Estes síntomas son leves e adoitan durar soamente 24-48 horas. 
Non deixe de administrar a 2ª dose se presentase algún destes efectos leves, a non ser que o seu médico/a así o indique.

• Teño que consultar ao médico se teño febre despois de vacinarme con calquera tipo de vacina?
Non, tras a vacinación poden aparecer reaccións xeralmente leves, como dor local, febre ou febrícula, calafríos, dores musculares, dor de cabeza ou malestar. Estas reaccións adoitan resolverse de forma espontánea. Se o cadro é persistente, non se resolve nuns días e/ou presenta algún síntoma adicional de alarma, consulte cun profesional sanitario. 

• Como podo saber se teño un efecto adverso da vacina?
O máis usual é que as reaccións adversas debidas ás vacinas aparezan durante a primeira semana. En caso de presentar un síntoma non descrito ou de que se produza un empeoramento dos mesmos debería consultar co seu médico/a de atención primaria. A aparición de tose, dor na gorxa, falta de olfacto ou gusto, non se consideran efectos adversos destas vacinas. En caso de presentar algún destes síntomas, debe quedarse na casa e chamar ao seu centro de saúde para valorar os síntomas e descartar unha infección por COVID-19.

• Como podo colaborar coa vixilancia de efectos non desexados das vacinas?
Comunicándoo ao seu médico/a ou a través dun formulario que atopará na web: www.notificaram.es

• Cando debo consular ao médico despois de recibir a vacina?
Debe buscar atención médica inmediata se presenta dificultade para respirar, dor no peito, inchazón de pernas, dor abdominal persistente, síntomas neurolóxicos, como dores de cabeza intensos ou persistentes ou visión borrosa, ou múltiples pequenos hematomas na pel (petequias) nun lugar diferente o da vacinación despois duns días.

• Teño que ir a urxencias se teño dor de cabeza tras a vacinación con calquera tipo de vacina?
Non. Con todo, recoméndase consultar co servizo médico de referencia se vostede recibiu a vacina nos últimos 14 días e:
- A dor de cabeza é intenso e persistente
e/ou
- Cambia significativamente ao tumbarse
e/ou
- Se asocian alteracións visuais ou outros síntomas neurolóxicos persistentes
e/ou 
- Presenta calquera outro síntoma de alarma

DOSES ADICIONAIS E DOSES DE RECORDO

Para obter información sobre  esto, consultar o seguinte documento: 

INCIDENCIAS CITAS

• Cando me vacinarán?
A vacinación estase realizando seguindo un criterio de idade. Recibirá a cita a través dun SMS ou dunha chamada telefónica. Por este motivo, é importante que os datos de contacto estean actualizados para facilitar o proceso de citación. Na páxina web pode ver as campañas de vacinación abertas neste momento.

• Como podo actualizar os meus datos de contacto?.
Os datos de contacto da poboación pertencente ao Sergas pódense actualizar chamando ao Centro de Saúde ou a través de Tarxeta Sanitaria (981569540). 
As persoas pertencentes a entidades privadas (MUFACE, MUJEJU, ISFAS,...) deben actualizar os seus datos contactando coa súa Mutualidade.

• Como me citan se non teño teléfono móbil? 
As citas de vacinación tamén se levan a cabo a través de chamadas telefónicas ao número que figure nos datos de contacto da persoa; por este motivo, é importante que estes datos estean actualizados para facilitar o proceso de citación.

• Podo cambiar a miña cita?
Como norma xeral non se pode. Se unha persoa non pode acudir por unha causa xustificada, será citada de novo máis adiante.

• Que podo facer se non puiden acudir á cita por unha causa xustificada?
Se lle volverá a citar noutra data.

• Como podo solicitar unha cita para vacinación?
A través do sistema de autocita mediante e-saúde, a aplicación Sergas Móbil ou no enderezo cita.sergas.gal. Este sistema, aberto tanto para os cidadáns con aseguramento sanitario público como privado (Mutualistas) estará dispoñible unicamente para determinados grupos de poboación. Actualmente está aberto para persoas maiores de 40 anos que aínda non recibiran a primeira dose, para os estudantes do Programa Erasmus e para os adolescentes de 16 a 19 anos. Os grupos para os que está dispoñible a autocita iranse actualizando segundo avance o Plan Galego de Vacinación. 
Existe tamén un servizo telefónico (981 215 930) onde poderá obter unha cita para recibir a súa primeira dose se ten máis de 50 anos de idade. Neste teléfono tamén poderá solicitar unha cita para a súa segunda dose se xa pasara o período recomendado para recibila. Neste caso, a cita non se obterá de xeito inmediato xa que se ten que consultar a data e o tipo de vacina recibida como primeira dose para asegurar que reciba a súa segunda dose coa vacina indicada no tempo recomendado.
No caso das persoas que vaian realizar estancias no estranxeiro por motivo de estudos, por un tempo superior a 4 meses e nos que o inicio da estancia sexa anterior ao 31 de outubro de 2021, poderán solicitar a vacinación enviando o formulario que se encontra en https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Formulario-covidvaces á seguinte dirección covidvaces@sergas.es.

DESPRAZADOS

• Poderei vacinarme se pertenzo a outra comunidade autónoma (CA)?

As persoas que residen noutra Comunidade Autónoma e as extranxeiras residentes en España, recibirán a vacinación correspondente no lugar onde teñan a súa residencia habitual cando se priorizan para a súa vacinación
Ás persoas con residencia habitual en Galicia que recibiron a primeira dose noutro país completaráselles a pauta valorando individualmente a vacina recibida. 

• Poñeranme a 2ª dose se me puxeron a 1ª dose noutro país?
Ás persoas con residencia habitual en Galicia que recibiron a primeira dose noutro país completaráselles a pauta valorando individualmente a vacina recibida.

• Poñeranme a 2ª dose noutro país distinto se a 1ª dose púxenma en España? 
Nestes supostos será recomendable confirmar que poderá administrarse a 2º dose no país de destino.

• Podo vacinarme para viaxar ao estranxeiro? 
Nalgunhas situacións, como persoas que viaxan por motivo de estudos cunha estancia ao menos 4 meses ( ERASMUS,...), pode solicitarse a vacinación mediante o formulario que se encontra en https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Formulario-covidvaces o mediante autocita se se trata de estudantes do Programa ERASMUS ou similar. 
As viaxes por turismo a outro país non constitúe motivo para alterar a orde de prioridade establecida no Plan Galego de Vacinación. 

CERTIFICADO EUROPEO DE VACINACIÓN

• Podo solicitar un certificado de vacinación europeo?
Pode solicitar o certificado de vacinación europeo a través de:
    1. A plataforma e-saude 
    2. A aplicación SERGAS Móbil.
Para acceder a estas plataformas é necesario dispor de certificado dixital ou CHAVE 365 e firma de autorización no centro de saúde ou DNI electrónico.
    3. A páxina web do coronavirus no Ministerio de Sanidade. Mediante certificado dixital, DNI electrónico ou Cl@ve Permanente, no seguinte enlace:
    4. A través do Número de teléfono 900400116
Pode solicitarse a súa impresión 
    5. Nos centros de saúde.
    6. Nas farmacias.
Mais información na web "Estrategia de vacunación COVID | Gobierno de España"

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio