Preguntas máis frecuentes sobre as restricións vixentes en Galicia tras a declaración da Emerxencia Sanitaria

Información á cidadanía

O Consello da Xunta aprobou o pasado 13 de marzo o Acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A cidadanía pode obter máis información a través da páxina web da Xunta e, máis especificamente, nesta web e no teléfono específico 900 400 116.

Ademais, a través do teléfono 012, o servizo de atención e información á cidadanía, tamén se están recollendo dúbidas da poboación respecto ás restricións vixentes pola epidemia do coronavirus COVID-19.

Para facilitar o acceso á información, pode consultarse a continuación algunhas das preguntas máis frecuentes recollidas no 012 xunto coas súas respostas.

Poden abrir as perruquerías?

As perruquerías en Galicia non poden abrir, agás para a atención en domicilio e por causas xustificadas.

Poden despachar comida os restaurantes?

Os locais de comida poderán entregar comida para levar, seguindo as recomendacións sanitarias (distancia de seguridade, tempo indispensable...). Segue permitida a entrega a domicilio.

Permítese o funcionamento dos talleres de reparación?

Si poden abrir en Galicia, sempre que se dediquen exclusivamente á reparación. Isto é, se combinan venda e reparación, só poderán dedicarse á reparación.

Teño que ir renovar a miña demanda de emprego?

Non, os demandantes de emprego non terán que renovar a súa demanda ata o próximo 30 de abril. Ademais, quedan suspendidas todas as citas presenciais de orientación laboral.

Preciso algún tipo de documento para xustificar que vou ao traballo?

Non, non se precisa de ningunha documentación adicional ao circular. Ir ao traballo é unha das actividades permitidas, pero os axentes da autoridade poderán realizar as comprobacións que consideren necesarias.

Poden ir os agricultores ou gandeiros ao traballo?

Si, o Real Decreto non establece limitacións á actividade primaria e permite o acceso ao posto de traballo. Recordamos que os axentes da autoridade poderán realizar as comprobacións que estimen oportunas.

Podo saír a facer deporte ou camiñar por prescrición médica?

Non, non se pode saír salvo os casos expresamente permitidos. Recoméndase tentar manter certa actividade física no domicilio.

Seguen recolléndose avisos e retirando niños de vespa velutina?

Si, continúase realizando o servizo de retirada e continúanse recollendo avisos. É un servizo de importancia, especialmente nesta época do ano e os traballadores contan con equipos individuais de protección.

Hai un procedemento administrativo co prazo aberto, teño que presentalo igual?

Non, os prazos administrativos están interrompidos agora mesmo. O cómputo reiniciarase no momento en que se levanten as suspensións. En calquera caso, a sede electrónica segue operativa.

E se xa presentei a miña documentación?

Se xa presentaches a túa documentación a un procedemento administrativo, este continuará a súa tramitación normalmente.

Que pasa coa resolución das axudas?

As axudas cuxo procedemento xa está pechado seguirán a súa tramitación e notificaranse segundo o previsto.

Podo consultar o estado do meu expediente xa presentado?

Si, os interesados poden seguir consultando o estado de tramitación dos seus expedientes na súa carpeta cidadá a través da sede electrónica.

Afecta a suspensión dos prazos ás emendas e ás notificacións?

Si, tamén se interrompen os prazos de emendas e reanudaranse cando se levanten as suspensións. As notificacións reanudarán os seus prazos nese momento.

Podo seguir presentando queixas e suxestións á Administración autonómica?

Si, continúa operativo o teléfono 012 e a sede electrónica.

As altas e baixas de reses dentro da Oficina agraria virtual teñen que ser tamén dentro de prazo?

Poderán realizarse a través da Oficina Agraria Virtual ou a través do 012. Só no suposto de que non sexa posible empregar algunha destas dúas vías, poderase presentar posteriormente.

Que pasa cos chamamentos da Administración?

Os chamamentos quedan tamén suspendidos, salvo que teñan un carácter urxente. Na web de función pública hai un aviso sobre este punto

Que medidas hai que tomar nos traballos?

Os centros de traballo deben reforzas medidas preventivas de hixiene e de limpeza. Evitarán aglomeracións e controlarán que se manteña a distancia de seguridade por parte de consumidores e empregados

Son autónomo. Preciso de algún tipo de certificación para xustificar os meus desprazamentos?

Non se precisa de documentación ao circular. Ir ao traballo é unha das actividades permitidas, pero os axentes da autoridade poderán realizar as comprobacións que consideren necesarias

Pode abrir unha ferraxería en Galicia?

Pode, sempre que sexa un establecemento especializado, correspondente ao epígrafe 47.52 da Clasificación nacional de actividades económicas. Son actividades que subministran a outros sectores os elementos necesarios para a súa actividade

Pode ir máis dunha persoa nun vehículo por motivos de traballo?

Cómpre seguir en todo momento as medidas preventivas, e limitar os movementos todo o posible.

Podo realizar unha mudanza?

De ser necesario, si, pero cómpre seguir as pautas de actuación e medidas preventivas marcadas polas autoridades sanitarias e limitar os movementos para minimizar os contaxios.

Teño obras previstas en casa, poden realizarse?

As obras requiren a intervención de terceiros, que serán os que decidan, tendo en conta os criterios marcados, se realizalas ou non. De realizarse, deberán adoptarse medidas de protección

Teño unha empresa con material de protección e quero colaborar, a quen debo dirixirme?

Para donacións relacionadas con material sanitario, é preciso dirixirse ao servizo de patrimonio do Sergas no teléfono 881542729

Abriuse o prazo de anotarme na miña oposición, queda suspendido?

Si, os prazos das oposicións quedan suspendidos e reanudaranse cando acabe o estado de alarma. Recordar, en calquera caso, que os que queiran anotarse igualmente poden facelo a través da sede electrónica

Quero renovar ou solicitar a Chave365?

A renovación, en caso de caducidade, pode facerse telematicamente. A primeira solicitude tamén, sempre que contes con certificado electrónico instalado no teu navegador. En calquera caso, os prazos administrativos están suspendidos

É obrigatorio traballar nos concellos?

Todos os empregados públicos que poidan desenvolver o seu traballo a distancia, deberán prestalo no seu domicilio con teletraballo. Queda exceptuado o persoal de carácter esencial que deberá acudir presencialmente cando así se esixa

Poden os pais separados manter o réxime de visitas?

O Real Decreto permite circular para o coidado de menores, polo que se interpreta que si, salvo que o xuíz determine o contrario. Seguide escrupulosamente as recomendacións sanitarias e recordade que as forzas de seguridade poderán realizar as comprobacións oportunas

Podo trasladarme a unha segunda residencia no Día do Pai?

Non está permitido o traslado a unha segunda residencia, tampouco nos días festivos. Non é unha das actividades permitidas durante o estado de alarma e o Real Decreto obriga a permanecer no domicilio habitual

Poden continuar a executarse as obras públicas?

Non están incluídas nas actividades prohibidas, polo que poden seguir se é posible facelo cumprindo os plans de prevención. Valorarase a ampliación dos prazos de execución segundo as medidas das empresas para garantir a seguridade

Se saio da casa nun suposto non permitido e teño un accidente?

En Estado de Alarma as aseguradoras se fan responsables de cubrir os accidentes de tráfico amparados pola póliza.

Teño animais na casa e preocúpame que poidan contaxiarse.

Coa información sanitaria a día de hoxe, e tendo en conta que o virus non ten precedentes de estudo, os animais non poden transmitir o virus nin se contaxian. Pero convén estremar as medidas hixiénicas tamén con eles

Como podo solicitar a axuda PAC?

Hai diferenzas. Os prazos marcados pola Administración autonómica ou estatal están suspendidos ou interrompidos pola disposición adicional terceira. Pero nos prazos europeos, a Unión Europea ven de ampliar o prazo de solicitudes ata o 15 de xuño

A quen podo dirixirme para voltar a Galicia se estou noutro país ou noutra comunidade?

O Ministerio do Interior é a autoridade competente nesta materia para facilitar o retorno de turistas ás súas residencias habituais

Pódese prestar axuda a domicilio na modalidade de libre concorrencia?

A recomendación do Goberno central e manter todo tipo de servizos de axuda a domicilio, tanto os básicos como os de dependencia

Tiña que presentar uns documentos antes do 1 de abril da miña pensión non contributiva. Debo facelo?

Non é necesario. Todos os prazos administrativos están suspendidos. As pensións non contributivas seguiranse cobrando con normalidade.

Está garantido o cobro da RISGA?

Si, a nómina de RISGA seguirase cobrando puntualmente.

Nesta situación estanse tramitando as axudas?

Durante o Estado de Alarma non é preciso presentar documentación. A Xunta seguirá tramitando as Risgas, as AIS e as pensións non contributivas con normalidade. Para dúbidas, diríxase aos servizos sociais dos concellos, xefaturas territoriais ou á sede electrónica

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio