Adaptación das medidas de prevención da Covid-19 en centros educativos. Preguntas frecuentes

Adaptación das medidas de prevención da Covid-19 en centros educativos. Preguntas frecuentes



adaptación das medidas de prevención da covid-19 en centros educativos

febreiro 2022

preguntas frecuentes


1. Cal é a diferenza entre illamento, corentena e vixilancia? Canto dura cada unha?

2. Se un neno ou unha nena menor de 12 anos é contacto estreito dun membro POSITIVO da súa familia, debe acudir ao centro mentres non contacta o servizo de rastreo coa familia? Se está no centro, debe a familia ir a recollelo de xeito inmediato?

3. Non todos os casos de positivos se están a cargar en Educovid, A PARTIR DO NADAL vanse cargar todos como antes ou vanse priorizar uns casos sobre outros á hora de cargalos?

4. Aínda que non se corentene ao alumnado de infantil e primaria cando hai casos esporádicos NO CENTRO EDUCATIVO... farase rastrexo de contactos estreitos desde o primeiro caso igual que se facía no primeiro trimestre?

5. Se unha aula de infantil ou primaria é pequena, por exemplo de 15 ou 16 alumnos, tamén se espera a ter 5 casos para valorar as posibles corentenas? Ou TENSE EN CONTA O 20% DO AULA QUE MENCIONA O MINISTERIO PARA DIFERENCIAR ENTRE CASOS ESPORÁDICOS E AGRUPACIÓNS DE CASOS?

6. Se nunha aula hai un único caso, pero sabemos que cerca do caso hai alumnos/as que conviven con persoas inmunodeprimidas ou vulnerables, debemos avisar a alguén?

7. Hai algún caso particular no que unha persoa con pauta vacinal completa faga corentena como contacto estreito?

8. Hai algún caso no que unha persoa sen pauta vacinal completa este exenta de realizar corentena? incluso se é considerada contacto estreito dun brote nun aula de infantil e primaria?

9. Quen pode determinar o peche dun aula ou Dun centro? A CSC, a xefatura territorial de sanidade, a DX de Saúde Pública?

10. Cando debe volver a clase un neno ou unha nena en illamento ou corentena?

11. Van ter os nenos máis test de antíxenos dispoñibles? Poden acudir OS NENOS E NENAS AOS PUNTOS DE TEST DIAGNÓSTICOS DO SERGAS?

12. Como vai avanzar a vacinación infantil de 5 a 11 anos? Que previsións hai?

13. Os docentes menores de 40 anos, van ter unha terceira dose? Cando?

14. Os test de antíxenos de autodiagnóstico, son suficientes para confirmar un positivo? Se dou positivo, onde teño que chamar? Hai alternativas a chamar por teléfono?

15. Que criterio é de aplicación para determinar se hai unha agrupación de casos no comedor ou no transporte escolar? E en actividades extraescolares? Faise a análise particular caso a caso?

16. Vai modificarse o protocolo educativo?

17. ONDE SE PODEN producir agrupacións de casos NUN CENTRO EDUCATIVO? 11

18. QUE PROBAS DIAGNÓSTICAS SON VÁLIDAS PARA FINALIZAR A CORENTENA DAS PERSOAS IDENTIFICADAS COMO CONTACTO ESTREITO A PARTIR DO DÍA 7 E ANTES DO DÍA 10?

Máis información



  1. Cal é a diferenza entre illamento, corentena e vixilancia? Canto dura cada unha?

O illamento é para aquelas persoas que son caso sospeitoso ou confirmado da COVID-19. Polo tanto, deberán illarse aquelas persoas que teñan síntomas compatibles coa COVID-19 (caso sospeitoso) e aquelas que teñan un resultado positivo nas probas diagnósticas do SARS-CoV-2 (caso confirmado).

Con carácter xeral, o illamento dun caso confirmado da COVID-19 durará cando menos 7 días, contados desde o inicio de síntomas ou desde a toma da mostra para a proba diagnóstica no caso de asintomáticos. Aos 7 días, e sempre que pasaran 3 días sen síntomas, sen necesidade de ningunha proba diagnóstica, o caso confirmado poderá abandonar o illamento e reincorporarse ao centro, extremando as medidas preventivas outros 3 días, ata completar 10 desde o inicio de síntomas ou proba diagnóstica.


As medidas de corentena ou vixilancia son para aquelas persoas consideradas contacto estreito dun caso da COVID-19.

Deberán gardar corentena domiciliaria todos os contactos estreitos de casos confirmados de COVID-19 que non estean completamente vacinados, non pasaran a COVID-19 nos últimos 6 meses ou aqueles que estean inmunodeprimidos. As medidas de corentena deben manterse durante os 7 días seguintes ao último contacto co caso, sempre que se obteña un resultado negativo na proba de control. Unha vez transcorrido este período, a persoa en corentena deberá seguir medidas de vixilancia por contacto ata pasados 10 días do último contacto co caso.

Pola contra, deberán seguir medidas de vixilancia, estando exentos de corentena, os contactos estreitos que estean completamente vacinados ou pasaran a COVID-19 hai menos de seis meses. As medidas de vixilancia deben manterse ata pasados 10 días do último contacto co caso positivo. Estas persoas non teñen indicada a realización de probas, excepto que pertenzan a colectivos considerados vulnerables ou presenten síntomas compatibles coa COVID-19.

Non todos os contactos estreitos teñen que facer corentena ou vixilancia, estando exentos destas medidas aquelas persoas que fosen diagnosticadas coma caso confirmado de COVID-19 nos últimos 3 meses. Así mesmo, nos centros educativos de nivel infantil e primaria, non se indicarán corentenas ao alumnado ata que se detecte unha agrupación de casos da COVID-19.


  1. Se un neno ou unha nena menor de 12 anos é contacto estreito dun membro POSITIVO da súa familia, debe acudir ao centro mentres non contacta o servizo de rastreo coa familia? Se está no centro, debe a familia ir a recollelo de xeito inmediato?

Os/As menores de 12 anos que sexan contacto estreito dun familiar positivo seguirán as instrucións que lle dean os servizos de saúde. Por este motivo, se o diagnóstico do familiar positivo se realizou mediante un test de autodiagnósitco, é importante notificar canto antes o positivo cubrindo o formulario de Declaración responsable de autotest positivo dispoñible na páxina web do coronavirus ou chamar ao 881 540 045.

Desde o positivo do familiar convivente e ata recibir as instrucións pertinentes, todos os posibles contactos estreitos deberán extremarán as precaucións. Se o menor contacto estreito se atopase no centro educativo pero non iniciou síntomas, non é necesario que sexa recollido de inmediato.

Non obstante, os menores de 12 anos conviventes dun caso positivo que non dispoñan dunha pauta de vacinación completa e tampouco foran diagnosticados da COVID-19 nos últimos 6 meses, deberán absterse de asistir ao centro educativo. Pola contra, as persoas vacinadas coa pauta completa ou aquelas que fosen diagnosticadas da COVID nos últimos 6 meses, poderán acudir tanto á escola, extremando sempre as medidas de prevención (como uso de máscara, distancia interpersoal, evitar aglomeracións e limitar os contactos sociais ao máximo).



  1. Non todos os casos de positivos se están a cargar en Educovid, A PARTIR DO NADAL vanse cargar todos como antes ou vanse priorizar uns casos sobre outros á hora de cargalos?

Durante as vacacións de Nadal os casos confirmados non xeraron contactos estreitos nos centros educativos. A partir do luns 10, os casos poderían xerar contactos estreitos polo que, unha vez son notificados a Sanidade e feito o estudo de caso, si deberán ser cargados en Educovid.

Debe terse en conta que antes de Nadal a persoa sabía que era positiva de xeito practicamente simultáneo á carga do caso en Educovid, porque os positivos respondían ao resultado dunha proba diagnóstica que realizaban os servizos sanitarios. Agora esa situación mudou, dado que a persoa pode realizarse unha proba de autodiagnóstico no domicilio e coñecer resultado do test de antíxenos antes que ninguén. Se esta persoa notifica este positivo ao centro educativo, pode darse a situación na que a Sanidade aínda non lle fose notificada e os rastreadores da Central de Seguimento de Contactos non dispoñan desta información. Por este motivo, se o diagnóstico se realizou mediante un test de autodiagnósitco, é importante notificar canto antes o positivo cubrindo o formulario de Declaración responsable de autotest positivo dispoñible na páxina web do coronavirus ou chamar ao 881 540 045. Unha vez Sanidade dispón da información, fará o estudo do caso e cargará en Educovid o expediente correspondente.

Entre tanto, os centros poden deben manter as medidas de seguridade dado que, na mayoría dos casos non será procedente a corentena.


  1. Aínda que non se corentene ao alumnado de infantil e primaria cando hai casos esporádicos NO CENTRO EDUCATIVO... farase rastrexo de contactos estreitos desde o primeiro caso igual que se facía no primeiro trimestre?

Seguindo as liñas de actuación dos documentos aprobados pola Comisión de Salud Pública do Consejo Interterritorial del Sistema Nacional de Salud, ante a aparición de casos esporádicos nun aula (ou outra contorna específica do centro educativo) entre o alumnado/traballadores de educación infantil e primaria, non se identificarán contactos estreitos.

Non obstante, o equipo COVID do centro educativo informará da presenza dun caso positivo ás persoas que formen parte da rede de contactos do caso positivo (persoal do centro e alumnado) e das medidas preventivas que deben seguir durante os 10 días seguintes ao último contacto coa persoa positiva. Deste xeito, se na rede de contactos máis próxima ao caso existe algunha persoa considerada vulnerable (persoa inmunodeprimida ou muller embarazada), esta persoa poderá informar ao responsable COVID do centro para que llo notifique a Central de Seguimento de Contactos (CSC) e que así se tomen as medidas oportunas.



  1. Se unha aula de infantil ou primaria é pequena, por exemplo de 15 ou 16 alumnos, tamén se espera a ter 5 casos para valorar as posibles corentenas? Ou TENSE EN CONTA O 20% DO AULA QUE MENCIONA O MINISTERIO PARA DIFERENCIAR ENTRE CASOS ESPORÁDICOS E AGRUPACIÓNS DE CASOS?

No Protocolo de vixilancia e control epidemiolóxico fronte ao virus SARS-CoV-2 (COVID-19) no ámbito educativo non universitario de Galicia considerase agrupación de casos COVID nun centro educativo, cando se producen 5 ou mais casos nunha contorna específica do centro ou se viu afectado o 20% ou máis do alumnado/persoal relacionado con esa contorna, nun período igual ou inferior a 7 días.

Polo tanto, en aulas pequenas, considerarase agrupación de casos cando exista un 20% de persoas afectadas nesa aula. Sempre que se produza esta situación, identificaranse os contactos estreitos deste ámbito e seguiranse as indicacións de corentena ou vixilancia segundo a estratexia de control na poboación xeral, independentemente do nivel educativo no que se producisen os casos.



  1. Se nunha aula hai un único caso, pero sabemos que cerca do caso hai alumnos/as que conviven con persoas inmunodeprimidas ou vulnerables, debemos avisar a alguén?

Non, os centros educativos só teñen que notificar a CSC a presenza de persoas vulnerables se estas forman parte do alumnado ou persoal do centro e están na rede de contactos máis próxima ao caso.

Non obstante, o equipo COVID do centro educativo informará da presenza dun caso positivo ás persoas que formen parte da rede de contactos do caso positivo (persoal do centro e alumnado) e das medidas preventivas que deben seguir durante os 10 días seguintes ao último contacto coa persoa positiva, entre as cales se recomenda evitar o contacto con persoas vulnerables.

Ante posibles dúbidas, os centros poden contactar co teléfono de referencia para centros educativos da CSC.



  1. Hai algún caso particular no que unha persoa con pauta vacinal completa faga corentena como contacto estreito?

Si, o documento da vixilancia da COVID-19 en Galicia recolle que hai casos particulares nos que unha persoa coa pauta completa de vacinación pode requirir medidas de corentena domiciliaria. Isto sucede cando Saúde Pública sospeita que a infección do caso COVID-19 se debe a un certo tipo de variante do SARS-CoV-2 ou que a adquiriu dun visón. Tamén e importante saber que as persoas inmunodeprimidas sempre deberán gardar medidas de corentena se son consideradas contacto estreito. Non obstante, será Sanidade quen tome a decisión en cada caso, polo que non é unha cuestión que deba xestionar o centro educativo.



  1. Hai algún caso no que unha persoa sen pauta vacinal completa este exenta de realizar corentena? incluso se é considerada contacto estreito dun brote nun aula de infantil e primaria?

Si, cando unha persoa pasou hai menos de 6 meses a infección por SARS-CoV-2 e realizou unha proba diagnóstica que permitise confirmala, está exenta de realizar unha corentena domiciliaria. Non obstante, se xa fai mais de 3 meses que pasou a COVID-19, estas persoas deberán seguir medidas de vixilancia por contacto. Será Sanidade quen tome a decisión en cada caso, polo que non é unha cuestión que deba xestionar o centro educativo.



  1. Quen pode determinar o peche dun aula ou Dun centro? A CSC, a xefatura territorial de sanidade, a DX de Saúde Pública?

Nos casos excepcionais nos que se requira o peche dun aula ou dun centro educativo, será Saúde Pública a encargada de autorizar este peche.

Outra cuestión é a determinación do alumnado que debe ser considerado contacto estreito e que, polo tanto, debe seguir medidas de corentena/vixilancia cando exista unha agrupación de casos COVID nun centro educativo. A determinación destes contactos estreitos correspóndelle á XT de Sanidade, que fará unha avaliación da situación no centro educativo, tras a correspondente notificación por parte da CSC.



  1. Cando debe volver a clase un neno ou unha nena en illamento ou corentena?

Con carácter xeral, o illamento dun caso confirmado da COVID-19 durará cando menos 7 días. Aos 7 días, e sempre que pasaran 3 días sen síntomas, sen necesidade de ningunha proba diagnóstica, o caso confirmado poderá abandonar o illamento e reincorporarse ao centro, extremando as medidas preventivas outros 3 días. Será un profesional sanitario o que lle indique ao caso confirmado que pode suspender as medidas de illamento.

A corentena domiciliaria dos contactos estreitos debe manterse durante os 7 días seguintes ao último contacto co caso, sempre que se obteña un resultado negativo na proba de control. Unha vez transcorrido este período, a persoa en corentena deberá seguir medidas de vixilancia por contacto ata pasados 10 días do último contacto co caso. Non obstante deben terse en conta as seguintes situacións:

  • No caso de non poder cumprir todas as medidas de vixilancia, deberá prolongarse a corentena ata pasados 10 días do último contacto co caso:

    • Primeiro ciclo de educación infantil (0-3 anos): neste rango de idade enténdese que, de forma xeral, non se poderán cumprir as medidas de vixilancia (estas medidas implican o uso adecuado da máscara) e deberá prolongarse a corentena ata os 10 días do último contacto.

    • Segundo ciclo de educación infantil (3-6 anos): neste rango de idade deberá valorarse a posibilidade de facer un uso axeitado da máscara, así coma do resto de medidas de vixilancia por contacto. En caso de que non poder cumprir todas as medidas de vixilancia de forma adecuada, deberá prolongarse a corentena ata os 10 días do último contacto.

    • Resto de ciclos educativos (≥6 anos): neste rango de idade é obrigatorio o uso da máscara en presenza doutras persoas, polo cal se entende que poderán cumprirse as medidas de vixilancia por contacto. Non obstante, no caso de persoas que non poidan cumprir todas as medidas de vixilancia de forma adecuada, deberá prolongarse a corentena ata os 10 días do último contacto..

  • No caso de non realizar proba diagnóstica durante a corentena, polo motivo que sexa, deberá prolongarse a corentena ata pasados os 10 días do último contacto co caso.

  • De forma xeral, será a CSC quen informe do resultado negativo da proba solicitada e indique que xa se poden suspender as medidas de corentena e continuar cos 3 días de vixilancia. Non obstante, no caso de que a CSC non chegase a informar das medidas preventivas que debe seguir o contacto estreito, a suspensión de ditas medidas poderá realizarse seguindo as instrucións de corentena/vixilancia publicadas para toda a poboación.


  1. Van ter os nenos máis test de antíxenos dispoñibles? Poden acudir OS NENOS E NENAS AOS PUNTOS DE TEST DIAGNÓSTICOS DO SERGAS?

Si, calquera persoa pode acudir a realizar unha proba de detección do SARS-CoV-2 que ofrece o Sergas, incluído o alumnado de centros educativos. Na actualidade hai 32 puntos dispoñibles.

Ademais, a Consellería de Sanidade, acaba de implementar un sistema de detección do SARS-CoV-2 no ámbito educativo de primaria proporcionando tests de antíxeno en saliva que os/as alumnos/as poderán realizar no seu domicilio. Este sistema estará dispoñible durante un período estimado correspondente as dúas primeiras semanas da volta as aulas tras as vacacións do Nadal (o que correspondería ao período máximo de incubación de 14 días da COVID-19), se ben poderá ampliarse en función da evolución da pandemia.

Tendo en conta o tipo de proba diagnóstica dispoñible, e a dificultade que pode supoñer a correcta toma de mostra nos/as nenos/as de menor idade, este procedemento aplicarase unicamente no ámbito da educación primaria (alumnado de 6 a 11 anos) pública e privada. A proba facilitaráselle ás familias dos nenos e nenas que, tras a detección dun caso esporádico de COVID-19, se atopen entre a rede de contactos máis próximos (aula, comedor, etc). Pode consultar máis información no Protocolo para a detección de infección polo SARS-CoV-2 con test rápido de antíxeno en saliva en centros de educación primaria.



  1. Como vai avanzar a vacinación infantil de 5 a 11 anos? Que previsións hai?

Está previsto iniciar a inoculación de segundas doses a menores de 12 anos a principios de febreiro. Estímase que nunhas 8 semanas estaría rematado o proceso de vacinación do grupo etario 5-11.



  1. Os docentes menores de 40 anos, van ter unha terceira dose? Cando?

Ven de aprobarse a extensión da terceira dose a maiores de 18 anos, sempre que pasara mínimo de 5 meses desde a 2º dose, polo que se vai continuar co proceso de vacinación tamén do profesorado segundo se vaian cumprindo os tempos. Pode consultar máis información no apartado de información sobre vacinas da páxina web do coronavirus.



  1. Os test de antíxenos de autodiagnóstico, son suficientes para confirmar un positivo? Se dou positivo, onde teño que chamar? Hai alternativas a chamar por teléfono?

Si, actualmente os test de antíxenos de autodiagnóstico realizados no domicilio son suficientes para considerar a unha persoa como caso da COVID-19. Non obstante, é importante notificar canto antes o positivo cubrindo o formulario de Declaración responsable de autotest positivo dispoñible na páxina web do coronavirus ou chamar ao 881 540 045.



  1. Que criterio é de aplicación para determinar se hai unha agrupación de casos no comedor ou no transporte escolar? E en actividades extraescolares? Faise a análise particular caso a caso?

En principios os criterios no ámbito educativo son sempre os mesmos e considerase agrupación de casos COVID nun centro educativo cando se producen 5 ou mais casos confirmados de infección activa nunha contorna específica do centro (ou afectación do 20% ou máis de alumnado/persoal relacionado con esa contorna) nun período igual ou inferior a 7 días. Tendo en conta isto, entenderase como contorna específica do centro, a calquera lugar ou actividade relacionada co centro educativo que implique a presenza e relación física entre diferentes persoas. Polo tanto, serán contornas específicas do centro: un aula, unha liña específica do transporte escolar, unha quenda concreta de comedor ou dunha actividade extraescolar que se realiza no centro etc.

Dado que os equipos COVID dos centros educativos son as persoas que mellor poden coñecer as dinámicas de traballo do centro e as agrupacións de alumnos en diversas contornas do mesmo (trasporte escolar, comedor, aulas conxuntas etc.), deberán ser estes os que notifiquen a agrupación de casos no centro á CSC para poder avaliar o risco e identificar os contactos estreitos correspondentes a esa contorna específica.



  1. Vai modificarse o protocolo educativo?

O Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2021-2022 está en constante revisión. A versión do 01/10/2021 segue en vigor en todo o que respecta ás medidas educativas e organizativas e, polo tanto, en todo o que non se opoña ás recentes modificacións sobre o manexo epidemiolóxico.



  1. ONDE SE PODEN producir agrupacións de casos NUN CENTRO EDUCATIVO?

O escenario de aparición de casos da COVID-19 en relación con centros educativos pode ser moi variable, podendo aparecer casos en diferentes aulas nos que exista vínculo epidemiolóxico entre eles e unha contorna específica do centro educativo. Tendo en conta isto, poden darse agrupacións de casos nun centro educativo fóra da aula, véndose afectada outra contorna específica do centro educativo. Polo tanto, entenderase coma contorna específica o lugar ou actividade no cal estes casos COVID puideron ter un contacto suficiente para que se producise o contaxio. Serán por tanto contornas específicas do centro, ademais da aula, unha liña específica do transporte escolar, unha quenda concreta de comedor ou dunha actividade extraescolar que se realiza no centro etc.



  1. QUE PROBAS DIAGNÓSTICAS SON VÁLIDAS PARA FINALIZAR A CORENTENA DAS PERSOAS IDENTIFICADAS COMO CONTACTO ESTREITO A PARTIR DO DÍA 7 E ANTES DO DÍA 10?

Para finalizar a corentena domiciliaria dos contactos estreitos a partir dos 7 días do último contacto co caso, serán validas as probas diagnósticas actualmente consideradas Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA). Estas probas son as PCR e os Test de Antíxenos realizados por un profesional sanitario autorizado. Polo tanto, os test de antíxenos de autodiagnóstico realizados no domicilio ou nas oficinas de farmacia, NON son válidos para finalizar a corentena. En todo caso, a partir do 10 día non será necesaria ningunha proba para finalizar a corentena.

Tampouco será necesaria ningunha proba para finalizar o illamento das persoas positivas a partir do día 7 e sempre que transcorreran cando menos 3 sen síntomas. ​



Máis información

https://www.mscbs.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov/documentos/Adaptacion_Guia_Centros_Educativos.pdf




Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde